Saturday 27 de April de 2024

Feijóo destaca a aposta da Xunta por unha transición enerxética ordenada e solidaria que teña en conta a todos os axentes do sector


Lembra que Galicia conta cunhas Directrices Enerxéticas 2018-2020; unha planificación coa que se busca establecer un marco para avanzar nun novo modelo enerxético na Comunidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Xunta por unha transición enerxética ordenada e solidaria que teña en conta a todos os axentes do sector. “É dicir, por impulsar un modelo enerxético que aposte polas enerxías renovables como hoxe o estamos a facer, pola eficiencia, polo consumo responsable, pola protección do medio ambiente, polo desenvolvemento sustentable, e, en definitiva, pola economía verde”, aseverou, incidindo na necesidade de facelo dun xeito gradual, consensuado e, sobre todo, planificado.

Durante a inauguración do parque eólico de EDP, Feijóo asegurou que unha desas metas, que xa Galicia se vén plantexando desde hai tempo, é o impulso ás enerxías renovables. Un compromiso que se reflicte nestes dous parques eólicos –Muxía I e II- que en total producirán o equivalente ao consumo medio de electricidade dunha cidade de 70.000 habitantes; abranguen 34 aeroxeradores dunha altura máxima de ata 90 metros e que contaron cun investimento de máis de 70 millóns de euros, precisando algo máis de 200 traballadores para a súa construción.

Así mesmo, e para reducir o impacto visual dos aeroxeradores, EDP comprometeuse coa integración paisaxística desta infraestrutura e asumiu os traballos de reforestación da contorna con especies autóctonas.

Nesa aposta pola transición ordenada e solidaria, o presidente do Executivo autonómico lembrou que Galicia conta cunhas Directrices Enerxéticas 2018-2020. Unha planificación coa que se busca: establecer un marco para avanzar nun novo modelo enerxético en Galicia; sentar as bases para instalar nova capacidade renovable e aproveitar de forma máis eficiente o parque de xeración de enerxía actual; fomentar un cambio nos patróns de consumo; e implantar a mobilidade sustentable a través do impulso ao coche eléctrico e do gas natural licuado (GNL) no transporte. Ademais do obxectivo de aproveitar a transición enerxética para aumentar a competitividade da economía galega, crear emprego e impulsar a actividade económica.

Todo isto, cun investimento público-privado de 3.000 millóns de euros de cara ao 2020, que triplica o investimento mobilizado nos últimos 9 anos.

Logo de precisar que destes 3.000 millóns de euros, 1.300 millóns se destinarán a implantar máis enerxía renovable –concretamente, 1.200 novos MW para potenciar a produción de enerxía eólica, hidráulica, fotovoltaica ou biomasa-, Feijóo incidiu en que a Xunta seguirá poñendo as máximas facilidades administrativas.

Ademais destes dous parques que EDP promove en Muxía, e o que xa ten en funcionamento en Fontesilva (Santa Comba), o titular da Xunta asegurou que hai outros 20 parques eólicos en Galicia que xa contan con autorización administrativa. Entre eles, xa están en construción ou a piques de comezar as obras: o de Serra das Penas en Paradela (Lugo), que promove ENEL Green Power; o de Montes de Abella, entre Triacastela e Láncara, de Inverólica de Abella; o de Forcada Catasol II, en Laxe, e o de Monte Tourado, en Vimianzo, ambos os dous de Naturgy.

“Todo este esforzo, convértenos neste momento na segunda comunidade que máis electricidade produce con renovables, só por detrás de Castela e León”, afirmou, destacando o valor estratéxico que o sector enerxético ten para Galicia. Non en van, representa o 4,3% do PIB e del dependen 10.000 empregos directos e máis de 22.000 indirectos.

Feijóo aproveitou o acto para referirse, tamén, ás centrais térmicas de Meirama e As Pontes, lamentando que se fale “tan á lixeira” de pechalas, cando aínda son necesarias para cubrir a demanda eléctrica. “Galicia non pode permitirse ser deficitaria en produción de enerxía. E máis, cando a produción hidráulica na Comunidade se reduciu o pasado ano nun 66% pola escaseza de chuvia”, dixo, recordando que este feito fixo que funcionasen máis as tecnoloxías de apoio, como os ciclos combinados ou o carbón, que triplicaron a súa produción.Diante disto, insistiu na importancia dunha transición gradual e ordenada.

O presidente da Xunta concluíu precisando que no horizonte do 2020, a perspectiva é que: entre o 85% e o 90% do consumo eléctrico en Galicia e o 34% do consumo en calefacción e refrixeración proveña de fontes renovables. Así como que a biomasa represente o 35% do consumo de combustibles para uso térmico, seguindo coa estratexia integral para este sector que destina axudas para novos equipamentos e que suma a nova planta de biomasa que se vai comezar a construír en Curtis.